O Principal énchese con "Aires de Pontevedra"

Pontevedra
28 de xaneiro 2018

O gaiteiro Óscar Ibáñez e multitude de artistas invitados representaron un espectáculo sobre a obra de Ricardo Portela

"Aires de Pontevedra", homenaxe a Ricardo Portela de Oscar Ibáñez
"Aires de Pontevedra", homenaxe a Ricardo Portela de Oscar Ibáñez / Diego Torrado

O Teatro Principal de Pontevedra colgou este sábado o cartel de "completo" con motivo do espectáculo de Óscar Ibáñez "Aires de Pontevedra" co que se puxo o broche de ouro ás actividades programadas a ou longo do último ano con motivo da conmemoración do 25 aniversario do falecemento do gaiteiro de Viascón, Ricardo Portela.

Foi un espectáculo multidisciplinar que contou coa participación de numeroros músicos que reinterpretaron as clásicas composicións de Portela. Segundo explicou o propio Óscar Ibáñez "Aires de Pontevedra" é unha revisión desde unha estética tradicional dos temas máis característicos do gaiteiro de Viascón, pero actualizándoos e facendo un percorrido por toda a súa música.

Participaron os músicos habituais da formación "Óscar Ibáñez & Tribo", como son Fernando Fraga no acordeón, Ioana Pérez no violín, Carlos Calviño á guitarra, Paco Dicenta no baixo e Andrés Vilán en batería e percusión.

Xunto a eles estivo un amplo elenco de artistas convidados entre os que figuraban Anxo Pintos, Begoña Riobó, Xosé Liz, Marcos Campos, Francisco Estévez "Chuco", Wenceslao Cabezas "Polo", Álvaro Novegil, José Luis Lema, Carla Villanueva; así como os bailadores do Fiadeiro e de Celme e a Compañía de Danza Contemporánea Jesús Quiroga.