O quinto Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil xa busca o seu gañador ou gañadora

Pontevedra
14 de xuño 2022

Pontevedra xa busca o gañador ou gañadora da quinta edición do Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil. O prazo de recepción de orixinais abriuse este martes e os autores poderán emitir as súas obras ata o próximo 29 de xullo. A novela gañadora recibirá 3.000 euros e será editada pola editorial Cuarto de Inverno

Actividades no Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2022
Actividades no Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2022 / Cristina Saiz

Pontevedra xa busca o gañador ou gañadora da quinta edición do Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil. O prazo de recepción de orixinais abriuse este martes e os autores poderán emitir as súas obras ata o próximo 29 de xullo.

A novela gañadora recibirá 3.000 euros e será editada pola editorial Cuarto de Inverno, impulsora deste galardón xunto co Concello de Pontevedra.

Poderán participar nestes premios calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega e cunha extensión máxima de 250.000 caracteres.

As persoas interesadas poden atopar as bases de participación na web www.salondolibro.gal.

Como vén sendo habitual, a obra gañadora será escollida por un xurado composto por unha representación do Concello, outra da editorial e un familiar de María Victoria Moreno.

"O bestiario científico de Anxos Nogueirosa" de Antonio Manuel Fraga, "Ardora" de Beatriz Maceda, "Velloucas e minchas" de Lorena Conde e "O segredo de Al'eume" de Pilar Ortega foron os premiados nas catro edicións anteriores destes premios.