O Revenidas, ante a súa edición "máis ambiciosa" con Tanxugueiras, La Pegatina ou Zoo

O Salnés
01 de setembro 2022

Máis de 40 artistas actuarán sobre o escenario do festival, que se amplía por primeira vez ata os cinco días, cunha oferta musical encabezada por Tanxugueiras, La Pegatina, Zoo, Ladilla Rusa, Ortiga, Grande Amore, Guadi Galego, Boikot ou Lendakaris Muertos

Presentación do festival Revenidas 2022
Presentación do festival Revenidas 2022 / Festival Revenidas

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) do 7 ao 11 de setembro, presentou este xoves a que, segundo os seus organizadores, é a edición "máis ambiciosa" dos seus dezaoito anos de historia.

Máis de 40 artistas actuarán sobre o escenario do festival, que se amplía por primeira vez ata os cinco días, cunha oferta musical encabezada por Tanxugueiras, La Pegatina, Zoo, Ladilla Rusa, Ortiga, Grande Amore, Guadi Galego, Boikot ou Lendakaris Muertos.

Ademais dos grupos e artistas nacionais e galegos, o Revenidas contará cunha nutrida presenza de bandas chegadas desde Portugal, Bosnia, Italia e Rusia.

Así, Boyanka Kostova e Sinner (mércores 7) darán paso a La Pegatina, Boikot, Gatibu, Suu, Copa Turbo, Ketekalles, Lamontagne & Picoamperio (xoves 8) e a SFDK, Lendakaris Muertos, Talco Moscow Death Brigade, SonDaRúa, Bratzantifa e Grande Amore (venres 9).

O sábado 10 actuarán Tanxugueiras, Baiuca, Dakidarría, Zoo, Dubioza Kolektiv, A Banda da Loba, Ladilla Rusa, Doen, Monoulious Dop e Plectro, mentres que o domingo 11 pecharán o festival Ses, Ortiga, Caamaño & Ameixeiras, Os Terribles de Arousa e Louband.

O director do Revenidas, Xoan Quintáns, destacou que tras dous anos de pandemia o festival recuperará o que, para eles, "é o epicentro da festa", a sardiñada popular do domingo, que estará acompañada dunha representación teatral e dun espectáculo circense.

A programación do festival complétase cos "concertos a bordo", con actuacións en pequeno formato de Antía Muiño, Guadi Galego, Xabier Díaz, Grande Amore, Boyanka Kostova e Cardalda e Dopico, desde un barco con capacidade para doce persoas.

Durante a súa presentación, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou a "identidade propia" que adquiriu este festival, ao que definiu como o "máximo expoñente" da música galega e do que celebra que retorne este ano "en todo o seu esplendor".

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, sinalou que este tipo de festivais "axudan a seguir poñendo o destino Galicia de moda", xa que eventos como o Revenidas "nos fan distintos e únicos e fan que presumamos aínda máis da música galega".