Aínda que sexa de xeito virtual, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra non quere deixar escapar a oportunidade de celebrar o Día da Danza, que se conmemora este mércores 29 de abril. Será cun espectáculo exclusivo contratado para a ocasión.
Será a compañía Pesdelán a que protagonice esta proposta, empregando a linguaxe universal que é a danza para facer un percorrido polo baile tradicional galego pero tamén de Euskadi, Brasil ou Portugal e facer que as familias bailen xuntas e se movan nas súas casas.
Xiao Berlai na madolina, Roberto Grandal no acordeón, Rubén Montes na percusión, Belén Tajes na voz e Mercedes Prieto xunto con Montse Rivera como guías das danzas serán os que amenicen este Día da Danza.
O espectáculo poderá verse polas canles habituais do salón, as súas redes sociais e a web, a partir das doce da mañá.