O Salón do Libro recuperará o espírito pre pandemia, pero cun ambiente de máis tranquilidade

Pontevedra
01 de outubro 2021

A edición 2022 do Salón  do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra celebrarase entre o 11 e o 28 de marzo co lema "Con moito arte" e a cultura convidada será Euskadi. Os escolares e as familias, que son a esencia da cita, regresarán ás muros do Pazo da Cultura priorizándose por encima de todo a escolares e familias do municipio 

Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra
Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra / PontevedraViva

A edición 2022 do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a número 23 da súa historia, supoñerá un regreso ao espírito do evento previo á pandemia da covid-19. Os escolares e as familias, que son a esencia da cita, regresarán aos muros do Pazo da Cultura tras unha edición 2020 interrompida pola crise sanitaria e unha 2021 eminentemente en liña. En marzo de 2022 celebrarase no lugar de sempre e co obxectivo de sempre, aínda que traerá un ambiente máis sosegado. 

Os talleres e actividades organizadas no Salón terán "un ambiente acaído", explicou este venres a concelleira de Cultura en Pontevedra, Carmen Fouces. Búscase que o público poida gozar "con máis calidade", cunha tranquilidade que nas últimas edicións empezaba a perderse pola propia evolución do evento, cada vez máis multitudinario e con participación masiva de centros educativos e familias chegados de toda Galicia. 

Esas grandes cifras de asistentes, que se contaban por varios miles nos últimos anos, xa non se verán en 2022, senón que se priorizará por encima de todo a escolares e familias de Pontevedra e, en segundo lugar, da comarca. 

Se na edición 2021 foi o Salón aos colexios, agora o alumnado regresará ao Pazo, completando a experiencia do traballo na aula sobre a temática do Salón cunha visita ao corazón do mesmo e gozando das actividades alí organizadas. Ademais, cada ano esa excursión era unha das máis esperadas do ano para o alumnado e agora poderán recuperala. 

A organización aínda non concretou como será a súa proxección na Rede, na que, a priori, iranse compartindo os contidos, pero non haberá emisións en directo. Este aspecto irase matizando ao longo dos próximos meses. 

Tres aspectos que si se definiron son a data, o lema e a cultura convidada deste ano. Celebrarase entre o 11 e o 28 de marzo co lema "Con moito arte" e a cultura convidada será Euskadi

A elección do lema e a temática deste ano responde a unha histórica petición dos centros educativos, que lles pediron en moitas ocasións que se centren no mundo da arte. Este 2022 responderán a estas demandas, que, ademais, adecúanse á propia esencia do Salón e de Pontevedra, pois "estamos nunha cidade con gran vocación cultural".

Traballarase sobre a arte "desde o punto de vista da creatividade como motor do mundo" e partindo da base de que a creatividade "para todo é fundamental". Ademais, segundo desvelou Fouces, "a banda deseñada e a ilustración van ser a parte artística que teña máis importancia", pois son "a raíña de toda a literatura infantil e xuvenil"