O salto de Malkeda, que se achega "ao metal máis actual" e aos ritmos urbanos

Pontevedra
28 de maio 2024

Cun disco homónimo, titulado como eles mesmos, regresa a banda pontevedresa Malkeda. Este cuarto álbum sairá ao mercado este venres 31 de maio e, como eles mesmos recoñecen, supón unha especie de "reinicio" musical tras dar "unha volta máis" ao seu inconfundible son

Malkeda
Malkeda

Cun disco homónimo, titulado como eles mesmos, regresa a banda pontevedresa Malkeda. Este cuarto álbum sairá ao mercado este venres 31 de maio e, como eles mesmos recoñecen, supón unha especie de "reinicio" musical tras dar "unha volta máis" ao seu inconfundible son.

"Traballamos moi duro neste último disco", sinalan os seus integrantes, que tras Momentos impuntuales, Un día sin ayer e Cumulonimbo, os seus tres primeiros discos de estudo, ofrecen agora "unha versión máis dura de nós mesmos".

A banda, que se caracterizou sempre polos seus medios tempos, ritmos pesados e afinacións baixas, engade neste disco "algún matiz máis hardcore" e sons graves, achegándose "ao metal máis actual" e a certos matices dos ritmos urbanos. 

As súas cancións, sosteñen desde Malkeda, "son máis directas no musical, con menos efectos e arranxos", tratando de soar como unha banda que gravase nos anos 90, o cal admiten que "foi unha tolemia e puxemos todo patas para arriba".

"Abrimos o rocho e gravamos cos amplificadores, altofalantes e instrumentos máis icónicos dos anos 90, coidando ata o máis mínimo detalle e buscando un estilo máis actual", explican sobre a idea que lles expuxo o produtor do disco, Iago Lorenzo.

Foi un proceso "demoledor", subliña o grupo pontevedrés, que defende que o resultado "soa incrible", algo que lles permite reforzar a súa característica como "banda escura".

E é que ao que non renuncia Malkeda é ao seu selo de identidade, a esa mensaxe escura. "As nosas cancións non contan historias bonitas con final feliz, máis ben proxectan moitos dos problemas do día a día ou da vida en xeral", afirman os seus membros.

Así, cantan "á crúa realidade da vida ás que se enfrenan as persoas" e neste novo disco "plasmamos moitas cousas que nos sucederon nos nosos últimos tempos e nos últimos vinte anos como banda".

"Non hai momentos para risas neste disco e gústanos. Os tempos non están para iso tampouco", sentencian. A proba é o terceiro single de adianto deste traballo, Sin futuro, no que colabora Ra Diaz, o actual baixista da banda californiana Korn.

Neste tema, Malkeda explora unha posible civilización futura na que a música, a cultura e a arte en xeral son descoñecidos, ata que co descubrimento de restos de antigas culturas atopan a forma de reproducir os sons dunha gravación ancestral.

Aínda que recoñecen que pode soar a unha historia de ciencia ficción, "na actualidade, coa crecente censura cultural, o cambio climático ou o abuso dos recursos naturais, ás veces detémonos a reflexionar sobre que sería de nós se a música desaparecese das nosas vidas ou como sería unha existencia na que a música nunca existise".