O 'Senso Sublime' do artista polifacético Sergio Portela explora o Sexto edificio do Museo

Pontevedra
21 de setembro 2015

O mércores 23 inaugurase esta exposición do creador pontevedrés con arredor de setenta obras que percorren a pintura, a escultura, a fotografía, a literatura e o vídeo

Montaxe da exposición 'Senso Sublime' de Sergio Portela
Montaxe da exposición 'Senso Sublime' de Sergio Portela / PontevedraViva

O artista pontevedrés Sergio Portela móstrase contento con todas as facilidades dadas para montar a exposición sobre a súa traxectoria no Sexto edificio do Museo que será inaugurada este mércores 23 ás 20.00 horas e permanecerá aberta ata o 8 de novembro baixo o título 'Senso Sublime'.

Este luns 21 presentouse o contido da mostra coa participación do propio artista, dos comisarios Antón Sobral e Patricia Trigo e a presenza do director do Museo, Carlos Valle e do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal.

Segundo explicaba Sergio Portela, fillo do premiado arquitecto César Portela, os traballos adaptáronse a este espazo que acolle máis de setenta obras entre escultura, pintura e fotografía, ademais de referencias ás súas obras poéticas e un vídeo no que se recolle o proceso de creación dunha escultura.

A mostra ofrece diferentes épocas artísticas que, segundo Carlos Valle, convértense nunha auténtica lección de historia da arte para o visitante. Antón Sobral sinala que o artista autodidacta investiu en viaxes que lle serviron para formarse e desta maneira coñecer todo tipo de técnicas para ofrecer obras que cualificou de "clásicas".

Na primeira parte da mostra pódense contemplar as fases de creación dunha escultura, dentro da proposta didáctica que marca esta exposición, a través de moldes, das versións en escaiola e do traballo en madeira.

Na segunda sala ofrécese un repaso aos seus traballos pictóricos realizados antes de cumprir 30 anos cando "pintaba 14 ou 16 horas diarias", afirmou o artista multidisciplinar. Nestas obras ofrécese a reflexión que provocou a morte de moitos dos seus amigos debido ao consumo de drogas, ao suicidio ou ao cancro.

Na terceira sala combina escultura e fotografía explorando a sensualidade. Aquí cobra protagonismo a relación entre as obras e o espazo.

A mostra reúne preto de 30 esculturas, 20 cadros e máis de 20 fotografías, con frases poéticas do autor.