O pop-rock en euskera da mítica banda bilbaína Zea Mays, que acumula máis de 20 anos de éxitos ás súas costas, e o hip hop electrónico dos valencianos Zoo. Son as dúas primeiras confirmacións musicais para o SonRías Baixas 2019, festival que se celebrará en Bueu os días 1, 2 e 3 de agosto.
Zea Mays conxuga a pétrea tradición vasca coa sutileza do pop-rock contemporáneo, dando corpo a unha proposta musical única, na que finas melodías de guitarra e coidados toques de sintentizador e teclado se mesturan sobre unha potente e elegante base rítmica para arroupar a poderosa voz de Aiora Renteria.
Trátase dunha front girl de armas tomar, que atrapará ao público do SonRías Baixas coa enerxía e coa sonoridade das letras en euskera.
Os valencianos Zoo celebran o seu quinto aniversario este 2019 e queren facelo gozando todos e cada un dos seus directos como se fora o último.
Con ese obxectivo chegarán a Bueu o vindeiro mes de agosto, onde revolucionarán o SonRías Baixas coa súa descarga de enerxía non stop: música electrónica que mestura rap con trombóns e guitarras rockeiras, toques mediterráneos e ritmos festivos para bailar ata que o corpo aguante.
As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 26 euros máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.