O Teatro Principal acolle un espectáculo "para iluminar estes sombríos tempos de escuridade e desánimo"

Pontevedra
29 de outubro 2021

Producións Teatrais Excéntricas puxo en escena este xoves no Teatro Principal de Pontevedra a obra "Estrela do día"

Representación de "Estrela do día", no Teatro Principal
Representación de "Estrela do día", no Teatro Principal /

Producións Teatrais Excéntricas puxo en escena este xoves no Teatro Principal de Pontevedra "Estrela do día", un espectáculo "para iluminar estes sombríos tempos de escuridade e desánimo".

A obra é unha visión actualizada dos milagres de santa María aplicados aos problemas actuais e que resultan asombrosamente parecidos aos daquel século XIII.

Así, voltaron a desfilar diante dos nosos ollos, neste retábulo do século XX, os soldados que foxen da guerra, a mociña obrigada a casar con quen non quere, os que expulsados dos seus lares son amoreados como gado, os presos por roubar comida, a monxa que foxe do convento, o que cansado deste mundo quere vivir noutro sen morrer, o que perde unha pelota e daría o que ten para seguir xogando, a que foxe da manda de brutos que a acosan, os que perden a compaña do animal que preferen a calquera humano ou a que procura a curación dunha enfermidade mortal.

Todos eles son "dramas resoltos pola intervención milagreira de María con aparicións dignas da mellor vedette de varietés".

Foi unha comedia divina, chea de cor, de música, de misterio e de humor. As personaxes saíron das miniaturas dos códices medievais e chegaron ao Principal de Pontevedra da man e do talento de Evaristo Calvo, Rocío González, Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez.

Todos eles baixo a dirección de Marcos PTT Carballido, con Quico Cadaval nos textos, Laura Iturralde na iluminación, Uxia Vaello nas roupaxes e Nacho Muñoz no deseño sonoro.