O 'tolleito de Inishmaan' pon en pé ao público de Ponteatro

Pontevedra
02 de decembro 2016

O Teatro Principal encheuse este xoves para gozar da obra dirixida por Cándido Pazó, un espectáculo teatral galego de gran formato e cun importante elenco de actores que fixo gozar aos asistentes

Representación de 'O tolleito de Inishmaan' no Teatro Principal
Representación de 'O tolleito de Inishmaan' no Teatro Principal / Mónica Patxot

Unha longa ovación pechou a función despois de case dúas horas nun Teatro Principal entregado.

O público pontevedrés deixouse conquistar por O tolleito de Inishmaan, da compañía CONTRAproducións, nunha nova cita do do ciclo Ponteatro con gran éxito de público.

A coidada escenografía e o seu gran formato, con oito actores de importante traxectoria sobre o escenario, atrapou aos asistentes, que se trasladaron a unha pequena illa irlandesa nos anos 30.

Alí estaba ambientada unha obra que, dirixida por Cándido Pazó, reuniu nas táboas a Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luís Iglesia, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans.

Todos eles daban vida a personaxes da illa, a cada cal máis pintoresco, entre os que se atopaba un tolleito que o único que pretende é ser amado e respectado.

Tras esta obra, Ponteatro regresará o 15 de decembro con Eroski Paraíso, de Grupo Chévere.