O universo indie invade a Illa de Arousa a través do Atlantic Fest

O Salnés
28 de xullo 2019

O festival xunta máis de 5.000 persoas durante unha fin de semana con actuacións de artistas como Los Planetas, Joe Crepúsculo, Marlon Williams, Nacho Vegas, Dorian, Love of Lesbian, La Bien Querida ou The New Reamon

Atlantic Fest
Atlantic Fest / PontevedraViva

O Atlantic Fest volveu converter á Illa de Arousa en centro de referencia da música indie. Durante tres xornadas polos escenarios montados pola organización na praia do Bao circularon algunhas das bandas e dos nomes máis coñecidos do panorama musical da última década.

Los Planetas, Joe Crepúsculo, Marlon Williams, Nacho Vegas, Dorian, La Bien Querida, The New Reamon ou Love of Lesbian coa sorpresa da presenza de Iván Ferreiro ao final da actuación lograron entusiasmar ás 5.000 persoas que esgotaron as entradas para esta cita musical que se encadra nos Rías Baixas Fest, iniciativa que promove a Deputación de Pontevedra.

Malia a presenza de chuvia durante a noite do venres e a mañá do sábado, o Atlantic Fest 2019 desenvolveuse sen incidencias ata o seu tramo final que se celebraba este domingo nas instalacións da Praza de Abastos da Illa de Arousa coa actuación dun veterano Víctor Coyote e Los Jinetes del Trópico.