O xornalista Alberte Santos Ledo presenta a súa novela "O rebumbio dos vagalumes"

Pontevedra
13 de xullo 2016

A Librería Paz acollerá este mércores 13 de xullo a presentación do libro O rebumbio dos vagalumes, do escritor Alberte Santos Ledo

Alberto Santos Ledo, xornalista e escritor Evercom

A Librería Paz acollerá este mércores 13 de xullo a presentación do libro O rebumbio dos vagalumes, do escritor Alberte Santos Ledo.

Esta novela conta a historia dunha muller, Paula, que, cansa do medio social e familiar no que vive, emprende diferentes camiños para fuxir da frustración e dun éxito do que non se sente dona. A protagonista, profesora universitaria e nai de dúas rapazas, convive cun profesional do mundo financeiro recoñecido e ambicioso que vive entregado á súa carreira e promoción persoal dentro do banco no que traballa.

A novela encadea a contorna social na que Paula se desenvolve e a necesidade que sinte de atopar alternativas que, cando menos, empequenezan o seu desengano e frustración -dous dos sentimentos que alentan á protagonista a procurar remedios pasadíos fronte a rutina-.

As procuras desta muller atravesan a vida de diferentes personaxes que, cando se atopan con ela, teñen que decantar o seu porvir e enfrontalo á encrucillada de entregarse a ela ou continuar coa súa propia rutina.

A historia ten cinco narradores diferentes para dar testemuño da vida visible e aparentemente real e satisfeita de Paula e as vidas máis agochadas que percorre a protagonista e coas que tenta compensar e amornar a frustración á que se somete na súa relación.

O rebumbio dos vagalumes enfía o papel que o inconformismo e mais a rebeldía teñen como motor de cambio na vida das persoas. A novela abrangue un mundo de personaxes nos que a frustración os empurra ao inconformismo pero nos que a súa capacidade de risco gradúa dun xeito preciso a súa rebeldía.

O AUTOR

Alberte Santos Ledo naceu en A Coruña e é licenciado en Ciencias da Información (1988). Ao longo da súa vida profesional, traballou como xornalista en diferentes medios de comunicación tanto en Madrid como en Galiza (La Voz de Galicia, Ideal Gallego e A Nosa Terra). É socio fundador da consultora de comunicación e estratexia dixital Evercom e, dende o ano 2013, o seu conselleiro delegado (CEO).

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora