O Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a partir deste venres 26 de novembro unha nova edición de Culturgal e será unha oportunidade para ver traballos das persoas que gañaron as edicións de Novos Valores en 2019 e 2020.
O Museo de Pontevedra decidiu duplicar o espazo expositivo na edición deste ano da Feira das Industrias Culturais coa intención de mostrar traballos destacados de arte contemporánea creada por artistas locais.
Xosé Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, afirma que se segue a liña iniciada en 2018, cando se ofreceu unha selección de obras do certame de Novos Valores. O público, nesta ocasión, poderá comprobar a calidade dos traballos que recibiron as bolsas en 2020. Trátase dos traballos de Andrea Dávila Rubio; Nuria Rodríguez Figueiredo; María del Mar Ramón Soriano; e Alejandro Rego Díaz, que ofrecen tres creacións escultóricas e unha composición de fotografías
Ademais, ofreceranse tamén as catro pezas gañadoras de Novos Valores 2019, obras de Mohamed El Amine Asselman, Elena Matamoro Gómez de los Infantes, Rosa Pardal Aragunde, e Alba Castillo. Neste caso, todos eles, artistas formados na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra.