Oito artistas interactúan cos cidadáns na rúa para realizar as súas creacións

Pontevedra
30 de abril 2017

A praza da Ferrería converteuse nun gran taller artístico en que se elaboraron obras con diversos contidos coa participación das persoas que se achegaron durante esta tarde de sábado polo centro da cidade

Artistas na rúa 2017
Artistas na rúa 2017

Laura Cruxeiras, María Pedromingo, Sandra Varela, Beatriz Sieiro, Alba Troiteiro, Alicía García, Eva Gil e Roberto Carbajo son os artistas que durante a tarde deste sábado 29 de abril ocuparon diversos espazos na contorna da praza da Ferrería dentro da proposta 'Artistas na rúa' levando a cabo as súas creacións coa colaboración das persoas, moitos deles nenos, que pasaban polo centro da cidade.

Esta iniciativa, que leva xa tres edicións, ten como obxectivo achegar a creación de pintores, escultores e demais artistas aos cidadáns para converter as artes plásticas nun elemento máis accesible aos espectadores, que durante a tarde enchían a praza da Ferrería participando nas distintas iniciativas. 

A proposta está coordinada por María Rey e por Bea Mazaira e apoiada desde a concellería de Cultura do Concello de Pontevedra.