"Ons" resiste na carteleira de Pontevedra tras superar os 5.000 espectadores en toda Galicia

Pontevedra
19 de xaneiro 2021

A película Ons, dirixida por Alfonso Zarauza, continúa a colleitar éxitos na súa carreira comercial. Tras superar os 5.000 espectadores nas salas de cine galegas, completará a súa quinta semana en carteleira -a segunda en Pontevedra-

Fotograma da película "Ons"
Fotograma da película "Ons" / Alfonso Zarauza

A película Ons, dirixida por Alfonso Zarauza, continúa a colleitar éxitos na súa carreira comercial. Tras superar os 5.000 espectadores nas salas de cine galegas, completará a súa quinta semana en carteleira -a segunda en Pontevedra-.

Ons, protagonizada por Melania Cruz, Antonio Durán Morris ou Xúlio Abonjo, chegou a converterse no filme con máis espectadores por pantalla de toda España.

Ao mesmo tempo, o filme encara a seguinte etapa da súa distribución no circuíto de cineclubs, auditorios e outras entidades culturais, que xa están a programar a película.

Así, xunto coa súa presenza nos cines de Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra, Lugo e Ferrol, Ons poderá verse en próximos días noutras localidades galegas aínda por confirmar.

Ademais destas proxeccións, os responsables de Ons veñen de confirman que a película presentarase aos XIX Premios Mestre Mateo con catorce candidaturas, entre elas as de película, actores principais, director, guión, montaxe ou dirección de fotografía e de arte.

Ons é un drama emocional con toques de misterio protagonizado por un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons e que cruza o seu destino co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia.