Organizan tres rutas guiadas a xacementos no marco da exposición 'Galaicos'

Pontevedra
16 de novembro 2019

As visitas realizaranse nos meses de decembro e xaneiro nos xacementos de Castro Landín, A Lanzada, O Facho, a vila romana de Toralla e o Castro do Trega

Xacemento de Castrolandín; en Cuntis
Xacemento de Castrolandín; en Cuntis

A mostra "Galaicos", posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, non só se limitará ó espazo do Museo Provincial, posto que a institución, deu a coñecer os detalles das actividades complementarias ó abeiro da exposición, entre as que destaca a realización de tres rutas guiadas a xacementos e lugares de interese situados na provincia.

Así, a primeira destas rutas terá lugar o sábado 14 de decembro e percorrerá o castro de Castrolandín, no concello de Cuntis, a Fundación Terra Termarum Castrolandín e o xacemento da Lanzada. Un dos comisarios da exposición "Galaicos", Rafa Rodríguez, será o encargado de guiar ós participantes a través da historia e das pedras.

Pola súa banda, o sábado 21 de decembro outro grupo coñecerá o xacemento do Facho, en Cangas, e posteriormente visitará á Vila Romana de Toralla, no concello de Vigo, da man do arqueólogo José Suárez.

Finalmente, o sábado 11 de xaneiro, o historiador e arqueólogo Diego Piay acompañará ós participantes da terceira ruta polo Castro de Santa Trega, pertencente ó concello da Guarda, e pola adega Terras Gauda, situada na zona do Rosal.

Para a realización destas visitas guiadas a través da historia e a arqueoloxía pontevedresas, os grupos serán reducidos, contando cun máximo de 30 persoas. Deste xeito, o prazo de inscrición abrirase o luns 9 de decembro e a matrícula poderá facerse mediante métodos informáticos na web de Turismo Rías Baixas ([email protected]). Ademais, admitiranse ata catro persoas inscritas por email.