Organizan unha visita guiada á Sala Castelao polo 136 aniversario do seu nacemento

Pontevedra
27 de xaneiro 2022

As cincuenta estampas do Álbum Nós será o eixe da visita guiada que o Museo de Pontevedra organizará este domingo 30 de xaneiro pola Sala Castelao, coincidindo co 136 aniversario do nacemento do artista de Rianxo

Álbum Nós exposto na Sala Castelao do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra
Álbum Nós exposto na Sala Castelao do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

As cincuenta estampas do Álbum Nós será o eixe da visita guiada que o Museo de Pontevedra organizará este domingo 30 de xaneiro pola Sala Castelao, coincidindo co 136 aniversario do nacemento do artista de Rianxo.

A visita, que organiza o departamento de Educación do museo pontevedrés, comezará ás doce do mediodía e para asistir non é necesario inscribirse previamente.

A Sala Castelao, habilitada no edificio do Museo que leva o seu nome, foi reformulada tras a adquisición do Álbum Nós, reordenando pezas de catro décadas de traballo do autor datadas dende primeiros anos do século XX ata avanzados os anos 40.

Así, na primeira sala están dispostos os grandes lenzos, obras moi representativas da etapa na que Castelao aspiraba a ser artista, centrándose fundamentalmente na pintura.

Están aí óleos de grande formato propiedade da Real Academia Galega en depósito no Museo, que proceden da decoración que Castelao realizou para o Gran Hotel de Mondariz e que, en menor formato, recibiu unha terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de 1915.

O Álbum Nós, que dispón dun espazo diferenciado propio, segundo inciden os conservadores, supón un punto de inflexión en Castelao como artista e da utilidade que el quere darlle ás súas formulacións plásticas. 

A partir del fóronse aportando un conxunto de carteis, xornais ou obras orixinais, que culminan na última sala coas pezas literarias e as grandes series como os álbums de guerra, os debuxos de negros e na aparición da súa relación co teatro, cos exemplares de Os vellos non deben de namorarse, caretas e outros materiais de primeiras representacións en Bos Aires.

Outro dos papeis principais é para a obra Sempre en Galiza, considerado o seu testamento como galego e como político.

En total, o Museo de Pontevedra dispón de 2.000 pezas de Castelao, tanto grandes obras como tamén outras de menor entidade non expostas como, por exemplo, carteis chegados en cesión dende Venezuela.

Ademais da visita guiada á Sala Castelao, como cada domingo haberá a visita guiada, duns 50 minutos de duración, ás exposicións permanentes que albergan os edificios Sarmiento e Castelao, que inclúe explicacións sobre o Tesouro de Caldas, a Virxe Branca, a xeración doente, a louza de Sargadelos, os renovadores e Castelao.