'Orixes' recolle no Mosteiro de Poio trinta pezas da Escola de Cantería

Poio
05 de febreiro 2022

A mostra inaugurouse este sábado coa presenza do alcalde Luciano Sobral e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, acompañados doutros integrantes da corporación e responsables da Asociación de Canteiros de Poio. Permanecerá aberta ao público ata o 23 de abril

Exposición 'Orixes' con obras de persoas formadas na Escola de Cantería
Exposición 'Orixes' con obras de persoas formadas na Escola de Cantería / Concello de Poio

A colección formada por trinta pezas creadas por profesionais da pedra formados na Escola de Cantería de Poio, que leva por título 'Orixes', era inaugurada este sábado 5 de febreiro no Mosteiro de Poio. 

Precisamente a Escola de Cantería comezou a súa traxectoria no templo de San Xoán e ao longo da mostra pódense ver traballos creativos, recollidos por integrantes da Asociación de Canteiros de Poio, que colabora na organización da exposición en colaboración co persoal do Mosteiro. A proposta presenta obras dunha ducia de artesáns da pedra con pezas de calidade artística, despois de formarse na Escola que depende da Deputación de Pontevedra..

Á inauguración acudía o alcalde Luciano Sobral; a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e outros representantes da corporación municipal, ademais de membros de diversos colectivos locais. 

Esta mostra permanecerá aberta ao público ata o 23 de abril e poderá visitarse de luns a sábado, en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas.