Ortiga e De Ninghures, un dúo de altura para animar o Festixeve

Pontevedra
06 de xullo 2026

Vilar de Fragoso, en Santo André de Xeve, vivirá catro días cheos de actividades lúdicas, culturais e festivas, entre o 30 de xullo e o 2 de agosto

De Ninghures e Ortiga
De Ninghures e Ortiga / PontevedraViva

A 'festa rachada' da romaría popular máis esperada das Festas de Verán de Pontevedra, o Festixeve, regresará ao campo de Vilar de Fragoso.

Este lugar da parroquia de Santo André de Xeve vivirá catro días cheos de actividades lúdicas, culturais e festivas, entre o 30 de xullo e o 2 de agosto.

Os concertos da fin de semana serán, un ano máis, un dos seus principais atractivos.

A xornada central do sábado 1 de agosto reunirá dúas das grandes referencias da música galega actual.

Unha delas, xa anunciada, será a banda De Ninghures.

Con influencias van desde as músicas do Magreb ou o rock saharauí até as melodías cubanas, defenden a música feita de raíz e a creación contemporánea que pon en valor a tradición.

Actuarán a partir das nove da noite e farano acompañados de Ortiga, o 'latin boy' da escena alternativa galega.

Mostrará a súa inapelable destreza para crear un imaxinario sonoro no que conviven a cumbia, o merengue, o autotune ou a música latina, dando continuidade á súa querenza verbenera e as súas melodías pop.

O Festixeve, con todo, comezará o xoves 30 de xullo, ás 21:30 horas, cos cantos de taberna do grupo Son das Corvaceiras, mentres que ao día seguinte se celebrarán todas as actividades de aventura, a partir do nove da noite.

O sábado 1, ademais dos concertos, haberá un mercado de artesanía e diferenets degustacións gastronómicas, e o domingo 2 celebrarase a tradicional comida popular, tras a que haberá inchables e xogos populares, música ou a procesión laica de empanadas.