Os centros educativos poderán enviar as súas curtametraxes ao FICBUEU a partir do luns

Bueu
06 de maio 2022

O prazo estará aberto ata o próximo 15 de xuño ás 23:59 horas para todas as pezas audiovisuais realizadas durante os cursos escolares 2020/21 e 2021/22, co único requisito de non teren participado coa mesma obra en pasadas edicións do FICBUEU

Gala Escolas Galegas do FICBUEU 2021
Gala Escolas Galegas do FICBUEU 2021 / FICBUEU

A partir do vindeiro luns 9 de maio, todos os centros educativos galegos poderán presentar as súas curtametraxes á Sección Escolas Galegas da edición de este ano do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU).

Segundo a información facilitada polo festival, poderán participar todos os colexios, institutos, facultades e escolas de imaxe e son de Galicia e optarán a premios en tres categorías diferentes: Educación Especial, Infantil e Primaria; Educación Secundaria e Facultades e Escolas de Imaxe e Son.

O prazo estará aberto ata o próximo 15 de xuño ás 23:59 horas para todas as pezas audiovisuais realizadas durante os cursos escolares 2020/21 e 2021/22, co único requisito de non teren participado coa mesma obra en pasadas edicións do FICBUEU.  

A temática das curtametraxes será libre e cada escola poderá presentar tantas obras como desexe. A única esixencia é a de posuír unha copia dixital para a súa proxección e non superar os 20 minutos (incluíndo os créditos).

A inscrición no certame poderá realizarse a través dun formulario en liña na páxina web do FICBUEU (ficbueu.com). De entre todas as pezas presentadas serán seleccionadas varias finalistas, que serán anunciadas o día 1 de setembro.

Un xurado especializado composto de tres persoas vinculadas ao audiovisual e ao ensino escollerá as curtametraxes gañadoras de cada unha das categorías, tendo en conta a participación activa do alumnado en todas as fases de creación, a utilización dos distintos elementos da linguaxe audiovisual, a orixinalidade e a creatividade das propostas e o nivel técnico das pezas tendo en conta a idade dos creadores.

As curtametraxes que resulten galardoadas proxectaranse o venres 23 de setembro durante a Gala Escolas Galegas, na que se entregarán os premios correspondentes aos equipos gañadores de cada categoría.