Os máis novos da casa, outra vez protagonistas no Festival das Núbebes

Pontevedra
20 de setembro 2015

Con teatro, contos, música, danza e obradoiros para os bebés comezou esta fin de semana a terceira edición do Festival das Núbebes, o certame de artes escénicas dirixido aos máis pequenos da casa

Unha das actividades do Festival das Núbebes 2015
Unha das actividades do Festival das Núbebes 2015 / Diego Torrado

Con teatro, contos, música, danza e obradoiros para os bebés comezou esta fin de semana a terceira edición do Festival das Núbebes, o certame de artes escénicas dirixido aos máis pequenos da casa. Como vén sendo habitual cada vez que se celebra, centos de persoas esgotaron as entradas para asistir ás múltiples representacións e actividades que se celebraron no Teatro Principal, a Casa das Campás e a Casa Azul.

Tras a inauguración do pasado venres, o sábado houbo en catro funciones, dous matinais e dúas vespertinas, sesións de contacontos e música a cargo de Migallas Teatro en Un berce cheo de contos na Casa das Campás; mentres que a Casa Azul acolleu os obradoiros de percusión para menores de 0 a 6 anos.

Ademais, o Teatro Principal acolleu o espectáculo de teatro e danza titulado Chove! de Titereficciós.

Tamén o domingo houbo numerosas actividades que colgaron o cartel de non hai entradas. A compañía Baobab levou á Casa das Campás o espectáculo de teatro e contos Roque baila, Roque

Pola súa banda, en dobre sesión de mañá e tarde houbo un obradoiro-concerto de música clásica para bebés con A flauta máxica no Teatro Principal e un segundo obradoiro na Casa Azul, neste caso centrado nas capacidades sensoriais e de artes plásticas dos seus mozos participantes.

O Festival das Núbebes continuará coas súas actividades a próxima fin de semana. A programación pode consultarse na súa páxina web.