Máis de 450 músicos pasarán pola Alameda para participar no Incode Fest, o festival que xunta a todo o alumnado das escolas de formación musical da cidade e arredores.
Esta nova proposta cultural, que comezou o mércores cunha xornada formativa e continuou o xoves coa presentación de Bonovo Live Sesións, vive esta fin de semana a súa xornada grande.
A música en vivo tomou os mandos do festival este venres coas actuacións de Moloch, La Toñi, a Escola de Rock de Paredes de Coura, Estudo Bonobo ou Quodlibet.
Durante o sábado será a quenda de MOUNQP, Los Sara Fontán, o Seminario Permanente de Jazz, a Xove Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a Banda de Música de Salcedo, a Aula de Música Tradicional da Universidade de Vigo e o alumnado de Musicanda ou Gaia.
Completará a programación deste día o concurso de skate en Raíña Victoria amenizado por membros de Xeración Sónica e o Local de Música e a actuación de Leira Papaia no Sour Beer.
O Incode Fest, segundo os organizadores, busca a cooperación entre entidades que traballan na formación en materia artística, poñendo o foco na innovación e creación do alumnado, proxectos profesionais alternativos e en entidades que traballan en favor da igualdade e equidade.