O Museo de Pontevedra organiza dous obradoiros nos días de vacacións escolares de Semana Santa, dirixidos a rapazada de 7 a 12 anos. Co título 'De muller a muller', celebraranse o martes 4 e o mércores 5 de abril de 11.30 a 13 horas.
Cada obradoiro conta con 15 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición escribindo a [email protected] a partir do martes 28 de marzo ás 9 da mañá.
Nos obradoiros traballaranse conceptos como empoderamento feminino, igualdade de oportunidades e liberdade, a partir de dúas obras de arte da colección do Museo: 'A froiteira' (1960) de María Antonia Dans e 'As pitas' (1880) de Carmen Babiano Méndez-Núñez. Con cada obra desenvolverase unha actividade diferente. Cada sesión comezará coa visita á obra seleccionada, para que os nenos participantes coñezan á artista e o que quere achegar coa súa obra.
No caso de María Antonia Dans, incidirase en que tivo que pelexar coa súa familia, que non estaba de acordo con que seguise a súa vocación. Explicarase ademais que as mulleres traballando foron unha constante na súa pintura. Con ese punto de partida, os nenos empregarán diferentes técnicas para facer unha ilustración arredor dos traballos femininos.
No cadro de Carmen Babiano 'As pitas' preséntase a unha nenas dándolle de comer ás galiñas. Isto aproveitarase para xogar a 'Eu son e podo', un xogo que busca que as nenas e nenos reflexionen sobre os roles de xénero. Ademais, farán manualidades relacionadas con mensaxes de igualdade.