Os rapaces máis teatreiros representan 'A primavera da aldea' no Principal

Pontevedra
21 de abril 2015

Os participantes en A Procura do Tesouro, un total de 190 menores con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, ofrecerán a función o vindeiro domingo 26 de abril a partir das 20.00 horas

Un cento de rapaces participaron na actividade 'Á procura do tesouro' polo centro histórico de Pontevedra
Un cento de rapaces participaron na actividade 'Á procura do tesouro' polo centro histórico de Pontevedra /

Os nenos que participaron durante este curso en seis obradoiros de expresión dramática, plástica e musical serán os protagonistas do espectáculo 'A primavera da aldea', unha creación colectiva sobre o despoboamento do rural, que se representará este domingo 26 no Teatro Principal a partir das 20.00 horas.

190 escolares, con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, gozaron de 22 sesións ofrecidas por Migallas Teatro dentro do programa A procura do Tesouro, posto en marcha pola concellaría de Cultura co obxectivo de desenvolver as capacidades creativas mediante o xogo dramático.

'A primavera da aldea' conta cun argumento que se encontra inspirado nas accións levadas a cabo en localidades como Vilariño de Conso, na montaña ourensá, que permitiu conseguir manter aberto o colexio que ía ser pechado polo escaso número de alumnos. Os veciños ofreceron casas e terras cunha renda moi económica a familias de fóra que tivesen nenos en idade escolar para que se establecesen alí. Desta forma, lograron aumentar o número de matriculados e tamén se incrementou o profesorado.