O Museo de Pontevedra reunirá ás responsables dalgúns dos arquivos fotográficos de museos máis relevantes do país. Será coa xornada 'Imaxes en reserva: os arquivos fotográficos dos museos', que se celebrará o venres 27 de marzo.
O obxectivo deste ciclo de conferencias é repensar o lugar da fotografía nas institucións museísticas e reivindicar o seu valor como parte esencial do patrimonio cultural que estas entidades preservan e transmiten.
A xornada desenvolverase durante a mañá e a tarde e é de acceso libre.
Abrirá o encontro a conferencia de Beatriz Sánchez Torija, responsable da fotografía histórica no Museo Nacional do Prado.
Tras ela intervirán Carolina Miguel Arroyo, directora do Museo Nacional do Romanticismo, e Carolina Pelaz Soto, da fototeca do Muséu del Pueblu d’Asturies.

Pola tarde intervirán María Pilar Núñez Sánchez, directora do Museo Etnolóxico de Ribadavia, Belén Sáenz-Chas Díaz, responsable de colección do Museo do Pobo Galego, e as conservadoras do arquivo gráfico do Museo de Pontevedra e comisarias da exposición ‘Debuxar coa luz’, Reis Camiña Castro e Cristina Echave Durán.
A xornada busca propiciar un espazo de reflexión e diálogo arredor do papel fundamental que desempeñan os arquivos fotográficos nas institucións museísticas.
Tradicionalmente situados nun segundo plano fronte ás coleccións expostas, estes arquivos constitúen un patrimonio documental e visual de enorme valor histórico, artístico e científico.
O encontro está especialmente dirixido a persoal de museos que custodian arquivos fotográficos, das áreas de conservación, documentación, arquivo, restauración e investigación.
Este ciclo aspira a xerar un intercambio de enfoques profesionais, proxectos e boas prácticas, así como a identificar os principais retos actuais e futuros dos arquivos fotográficos no contexto museístico.
A xornada está vinculada á exposición 'Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX', que se pode visitar no Museo de Pontevedra ata o 5 de abril.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.