Para festivais, as Rías Baixas

Pontevedra
12 de maio 2016

Sete festivais das Rías Baixas fan causa común e únense, baixo o paraugas da Deputación de Pontevedra, para converterse nunha referencia cultural no noso país. E é que poucas rexións poden presumir dunha concentración similar de eventos musicais de primeiro nivel e que, entre finais de xuño e mediados de agosto, ofrecerán sete boas razóns para non perdernos as Rías Baixas

Foto de familia da presentación de Festivais Rías Baixas
Foto de familia da presentación de Festivais Rías Baixas / PontevedraViva

Sete festivais das Rías Baixas fan causa común e únense, baixo o paraugas da Deputación de Pontevedra, para converterse nunha referencia cultural no noso país. E é que poucas rexións poden presumir dunha concentración similar de eventos musicais de primeiro nivel e que, entre finais de xuño e mediados de agosto, ofrecerán sete boas razóns para non perdernos as Rías Baixas.

Baixo a marca Festivais Rías Baixas, reuniranse Cultura Quente (Caldas de Reis), Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Portamérica (Nigrán), Sinsal (Redondela), SonRías Baixas (Bueu), O Marisquiño (Vigo) e Revenidas (Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa).

É, agora mesmo, "a oferta máis completa que se pode ofrecer en Galicia", segundo destacou Julio Alonso do festival Sinsal, que actuou como portavoz na presentación desta asociación. Trátase, destacou, dunha proposta "pioneira" en España que ofrecerá lecer e cultura pero sobre todo sete "experiencias diferentes" tanto para o público que acuda a estes festivais como para os seus respectivos territorios.

Alonso tamén destacou que os sete Festivais Rías Baixas presentan unha ampla variedade de estilos musicais para todos os públicos, mesturando, por exemplo, o universo europeo co iberoamericano e engadindo experiencias turísticas e gastronómicas, demostracións de cultura urbana e deportes de acción, así como impulsando grupos musicais emerxentes e actuacións de artistas nacionais e internacionais consagrados.

O primeiro en celebrarse é o Cultura Quente, o festival de rock decano en Galicia que volverá á carballeira de Caldas de Reis os próximos 24 e 25 de xuño cun dos seus mellores carteis da súa historia, encabezado por Supersuckers, Los Enemigos o Siniestro Total. Tomará o relevo o Atlantic Fest, os días 1, 2 e 3 de xullo na Illa de Arousa, que xunto coa música ten na contorna natural una das súas mellores cartas de presentación.

O festival Portamérica regresará a Porto do Molle (Nigrán) os días 15 e 16 de xullo fiel á súa filosofía de reunir un cartel de artistas iberoamericanos de primeiro nivel e as propostas gastronómicas dos principais cociñeiros pontevedreses; mentres que Sinsal aproveitará o 22, 23 e 24 de xullo a paraxe envexable da illa de San Simón para ofrecer unha experiencia única que só 800 persoas poden gozar cada día do festival.

O SonRías Baixas de Bueu será os días 4, 5 e 6 de agosto e combinará as praias e a gastronomía do municipio con doce bandas de rock, punk ou ska de primeiro nivel, dando paso a O Marisquiño, o festival de cultura urbana e deportes de acción que se celebrará en Vigo os días 12,13 e 14 de agosto; e a Revenidas, que poñerá o broche de ouro do 19 ao 21 de agosto convertido xa en referencia do verán musical galego.

Todos eles contribúen, cos seus concertos e as súas actividades paralelas, a crear unha oferta variada e alternativa para gozar das Rías Baixas no seu conxunto, unha maneira alternativa de facer turismo que inclúe praias, gastronomía, natureza, termalismo, cultura, arquitectura e conxuntos históricos ou aventura e deporte, ingredientes comúns que ofrecen todos estes festivais.

Na presentación, Carmela Silva mostrouse "apasionada, contenta e feliz" ante esta iniciativa, xa que sinalou que "poucas veces presento algo que me teña tan impresionada", ao proxectar unha imaxe "innovadora, moderna, diferente, vangardista e auténtica" das Rías Baixas, porque sinalou que "hai moitas razón para visitar as Rías Baixas pero esta é unha das máis relevantes".