A cidade de Pontevedra foi escollida para un pase especial da película 'Matria'.
Será este mércores, 10 de maio, cando o Teatro Principal abra as súas portas a partir das 20:00 horas cunha zona de photocall e co inicio da proxección fixado para as 20:30 h, para darlle a posibilidade a todo aquel que o desexe de ver de balde un dos últimos fenómenos do cinema galego.
Esta cita no Teatro Principal contará coa presencia do director do filme Álvaro Gago, das actrices María Vázquez e Susana Sampedro, e o produtor Dani Froiz.
Matria saíu a exhibición con seis decenas de copias, o que a fai a maior estrea comercial da historia dun filme en lingua galega.
O Concello de Pontevedra anima a toda a veciñanza do municipio a asistir e gozar dunha proxección deste nivel, que sitúa de novo a Galicia e Pontevedra no mapa da creación fílmica internacional.
Após o visionado do filme, haberá un coloquio conducido por Suso Novás, director do festival Novos Cinemas.