Pelepau amosa o mellor da música tradicional galega

Pontevedra
17 de agosto 2017

O grupo vigués integrado por doce percusionistas fixo vibrar ao público asistente a este concerto das Festas da Peregrina que tivo lugar na Praza da Ferrería. Este xoves, o músico Gustavo Almeida subirá a ese escenario ás 21.00 horas para presentar os seus últimos temas

Concerto de Pelepau na Praza da Ferrería
Concerto de Pelepau na Praza da Ferrería / Diego Torrado

A tradición musical galega foi a protagonista do concerto da Praza da Ferrería durante o atardecer deste mércores. Os doce percusionistas que conforman a agrupación Pelepau ofreceron as súas versións de temas tan coñecidos como 'O sancristán de Coimbra', 'O gato' ou 'O miudiño'. 

Numeroso público asistía a este concerto que forma parte da programación das Festas de Verán e gozaba do son de pandeiros, pandeiretas e das potentes voces deste grupo nado en 2010 en Vigo e que conta cun traballo discográfico, 'Fío e agulla', un disco con trece temas moi populares.

O escenario da Ferrería contará esta noite coa actuación do músico Gustavo Almeida. O músico nado en Río de Janeiro e afincado, desde hai varios anos, en Pontevedra ofrecerá os seus últimos temas a partir das 21.00 horas.