Percorre laberintos polas obras de Rosalía de Castro da man de Polo Correo do Vento

Pontevedra
25 de maio 2020

Este colectivo de promoción cultural presenta un novo material dedicado á escritora, primeira homenaxeada con motivo do Día das Letras Galegas. Este material didáctico pertence á serie 'Aprende coas Mulleres Galegas', que se realiza a través da Secretaría Xeral de Igualdade

Material didáctico sobre Rosalía de Castro
Material didáctico sobre Rosalía de Castro

Colorea, debuxa portadas e percorre labirintos en busca de obras como Follas Novas ou Cantares Gallegos. Estas son algunhas das propostas que os creadores do colectivo Polo Correo do Vento pon en marcha nun novo material didáctico que, nesta ocasión, vai dedicada á escritora Rosalía de Castro, a autora que foi a primeira homenaxeada con motivo da celebración do Día dás Letras  Galegas.

Este traballo dedicado á formación de escolares forma parte da serie 'Aprende coas Mulleres Galegas', que promove a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A proposta quere que, durante o confinamento, os máis pequenos coñezan as biografías de Mulleres Galegas que destacaron en ámbitos culturais, artísticos, sociais ou de investigación.

En  numeros anteriores analizouse a obra e vida de mulleres tan relevantes para Galicia como Maruja Mallo, María Victoria Moreno, Concepción Arenal, Ángela Ruiz, Ángeles Alvariño, Ernestina Otero, María Wonenburger, Emilia Pardo Bazán, Olimpia Valencia, Filomena Dato e Isabel Zendal.

Rosalía de Castro, a poeta e novelista compostelá, está considerada como a máis destacada autora do Romanticismo no século  XIX e unha das máis importantes representantes do período do Rexurdimento galego. As ilustracións deste traballo, que se pode consultar nesta ligazón, pertencen a Tania Solla.