A percusión toma o Auditorio de Cambados na cita principal do Festival Ágora

O Salnés
20 de xuño 2026

O concerto central reunirá a Olodum do Coio, a batucada residente do Concello de Cambados e á agrupación convidada Alacante Grup de Percussió

V Festival Ágora Percusión V Festival Ágora Percusión

Cambados encara este sábado a xornada central do V Festival Ágora Percusión.

Tras o arranque celebrado este venres cun baño de gong no Colexio San Tomé, a programación alcanza hoxe o seu momento culminante cun gran concerto no Auditorio da Xuventude.

A actividade inaugural, organizada pola Asociación Se Chove Que Chova, serviu para abrir unha edición que aposta unha vez máis pola diversidade sonora e a participación cidadá.

Agora, todas as miradas diríxense ao espectáculo previsto para as 19.30 horas, unha proposta deseñada para mostrar a riqueza expresiva da percusión contemporánea a través de diferentes estilos e formatos.

Sobre o escenario reuniranse tres formacións con personalidade propia. Entre elas destaca Olodum do Coio, coñecida pola enerxía e o carácter festivo das súas actuacións.

Xunto a ela participará a batucada residente do Concello de Cambados, encargada de achegar o selo local a unha programación que tamén contará coa presenza de Alacante Grup de Percussió, unha agrupación recoñecida polo seu traballo especializado no repertorio percusivo e pola dimensión escénica das súas montaxes.

O concerto aspira a consolidar ao Festival Ágora Percusión como unha referencia cultural capaz de combinar espectáculo, divulgación e convivencia ao redor da música. Ademais de ofrecer unha plataforma para os grupos locais, o encontro favorece o intercambio artístico con formacións procedentes doutros territorios, enriquecendo así a oferta cultural do municipio.