Pilar Portela coordinará o novo departamento de música e danza da Agadic

Pontevedra
15 de febreiro 2022

Entre outras funcións, corresponderalle a dirección do Centro Coreográfico Galego. Ademais, deberá desenvolver as accións necesarias para a promoción e o fomento da música e da danza en Galicia, impulsar as relacións entre os distintos axentes culturais nestes sectores e establecer alianzas con outras entidades de fóra da comunidade galega

Pilar Portela na Playlist de PontevedraViva Radio Mónica Patxot

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) decidiu crear un novo departamento dedicado á música e á danza. Á fronte, como coordinadora, estará a pontevedresa Pilar Portela, ex directora xerente do Pazo da Cultura de Pontevedra.

O consello reitor deste organismo cultural, dependente da Xunta de Galicia, acordou contratar a Portela mediante unha relación laboral de alta dirección, por ser a persoa que obtivo maior puntuación no proceso público de selección convocado en agosto de 2021.

Entre outras funcións, corresponderalle a dirección do Centro Coreográfico Galego.

Ademais, deberá desenvolver as accións necesarias para a promoción e o fomento da música e da danza en Galicia, impulsar as relacións entre os distintos axentes culturais nestes sectores e establecer alianzas con outras entidades de fóra da comunidade galega.

Pilar Portela, que dirixiu o Pazo da Cultura entre 2001 e 2020, na actualidade é presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e membro da comisión de profesionalización da Federación Española de Asociaciones de la Gestión Cultural.