Pintores de Arra, este ano o concurso trae máis premios e máis cuantiosos

Sanxenxo
29 de xullo 2021

O Concello de Sanxenxo e a Asociación Cultural San Cayetano de Arra convocan para o próximo 8 de agosto a celebración da sexta edición do certámen de pintura rápida sobre a parroquia sanxenxina

Presentación do concurso de pintura libre no Priorato de Arra
Presentación do concurso de pintura libre no Priorato de Arra / Concello de Sanxenxo

O próximo 8 de agosto celebrarase a sexta edición do certame de pintura rápida de Arra. Unha convocatoria, que dado o progresivo incremento de participación e calidade, conleva maior número de premios e contía dos mesmos.

A inscrición, gratuíta, pode facerse xa a través do correo electrónico scarra.asociació[email protected] ou ben o mesmo 8 de agosto entre as 9.00 e 11.00 horas no acceso da praia de Montalvo. Os participantes poden usar un estilo e técnica libre, os soportes non teñen límite de tamaño pero si deben ser a unha soa cor e sen texturas. Ademais as acuarelas presentaranse en soporte ríxido.

As obras sempre serán sobre a parroquia antiga de Arra e os seus arredores. Ademais débense pintar dentro dos límites da mesma e por iso a organización facilitará aos participantes un plano para que estes informen do lugar en que están e que a organización comprobe a evolución da obra. Os lenzos entregaranse asinados e acreditando autoría, antes das 19.00 horas no Priorado de Arra. O xurado cualificador fará público o fallo ás 20.30 horas.

O concurso fixa unha categoria infantil cun primeiro premio de 100 euros e un segundo de 50 euros. Unha categoría para menores entre 13 e 16 anos, dotada cun único premio de 150 euros; e cuxas vinte e cinco primeiras inscricións obterán un bono gratuíto para o Racing Dakart ou o Aquapark Sanxenxo. Finalmente a categoría de adultos, a partir de 17 anos, estará dotada cun primeiro premio de 800 euros, o segundo de 400 euros e o terceiro de 250 euros.