PODCAST. Cristina Pato: "Non hai nada malo en cambiar de carreira en calquera momento da túa vida"

Pontevedra
04 de xullo 2025
Actualizado: 7:54

Nun mes chegará ao ecuador dos corenta. Esa mediana idade da que fala Cristina Pato no podcast 'Cara a cara'. Esta fin de semana participa na Festa dos Libros de Pontevedra

Cristina Pato volve este 2025 á Festa dos Libros de Pontevedra
Cristina Pato volve este 2025 á Festa dos Libros de Pontevedra / Xan Padrón

Marieta Carracedo e Basil Cancela son as dúas protagonistas de 'Fóra do foco', a última novela de Cristina Pato.

A primeira é unha xornalista de Madrid que comeza a investigar a razón pola que Basil, fotógrafa neoyorkina, no momento álxido da súa carreira, decide desaparecer. E ademais desfacerse da súa obra.

Marieta faise moitas preguntas sobre esa decisión de Cancela. Algunhas coinciden coas que a autora se fixo a si mesma. Pato, sinala no podcast 'Cara a cara', "tiña claro que chegada a esta mediana idade quería dar un cambio á miña vida". Así está a ser desde 2015.

Con esta publicación de Editorial Galaxia "quería reflexionar sobre eses matices que hai entre aceptar a vida que nos toca e elixir unha vida con sentido para a propia persoa. Para min era importante reflexionar sobre iso, que pasa cando o camiño que elixiches vinte anos atrás deixa de ser o camiño que queres seguir", explica.

É unha reivindicación que plasma na novela e un feito fehaciente que ela levou á práctica. "Temos dereito a cambiar de camiño e Nova York para min é un lugar importante para ver que podemos ser varias cousas á vez, que non hai nada malo en cambiar de carreira en calquera momento da túa vida", afirma.

'Fóra de foco' ambiéntase entre Madrid, Galicia e Nova York, case como a vida actual de Cristina: "xa levo vinte e dous anos. Aínda que paso catro ou cinco meses aquí, a miña vida profesional está alí a día de hoxe. Comparto coas protagonistas esa paisaxe que aparece na novela".

Hai autoras e autores para quen a publicación dun segundo libro leva máis inquietudes e inseguridades que o primeiro. Para Cristina Pato non resulta así: "levo exposta moitos anos pola miña anterior carreira na música e xa vivín eses medos con 18 ou 20 anos. Vou cumprir 45 e procuro mirar esas respostas do público de forma máis amable".

A ese respecto, comenta tamén cómo é o contacto co seu público lector, "é diferente, antes era para unha foto ou comentar unha peza, ou un concerto que lles gustou e agora é para falar dunha columna, ou contar unha historia relacionada coa lectura. É moi diferente, agora é máis persoal".

Publicou en 2022 'No día do seu enterro', un título "moi diferente" a este último, "é un salto na miña forma de escribir", descríbese nesta faceta. Ademais da escritura, como columnista e novelista, compaxina a actividade profesional como educadora e produtora.

Regresa á Festa dos Libros de Pontevedra. Na presente edición participará na xornada do sábado 5 en 'Íntimos' ás 18.15 horas xunto a Cynthia Menéndez e Francisco Castro, autores que publican con Editorial Galaxia. A charla estará conducida pola escritora e xornalista Inma López Silva.

Ademais, ás 19.15 horas estará a asinar exemplares das súas novelas na caseta da Libraría Paz.