Lola Salvador Maldonado puxo nome propio á segunda das convocatorias do ciclo 'Pioneiras' programado con motivo dos próximos Premios Feroz en Pontevedra.
Guionista, escritora, produtora de cine, ao nomear algúns dos recoñecementos e galardóns recibidos ao longo da súa traxectoria profesional, fai un inciso co Premio Nacional de Cinematografía: "ese é o importante por ser o que está dotado. Os demais danche unhas medallas que caen a anacos; e dis, pois vale, aí están que quedan ben".
Esta é a súa primeira visita a Pontevedra. Lembra que unha das súas bisavoas era de Corcubión; e seguidamente alude a un pontevedrés como decisorio para viaxar até esta capital: "aparte que non a coñecía e sempre é estupendo estar nun circuíto dun festival de cinema, gustábame moito a idea de estar nun sitio do que Xabi Fortes fala sen parar en televisión".
Lola Salvador foi guionista da película dirixida por Pilar Miró, 'El crimen de Cuenca'. Metraxe secuestrada previamente á súa estrea e que motivou un enxuciamento á súa directora. Dous aspectos motivárona a escribila. Dunha parte, as torturas: "nun momento en que en España, cunha amnistía internacional, se torturaba e parecíame unha cousa horrible o tema da tortura".
Doutra parte, os erros xudiciais: "o tema da xustiza, de como se organizan as leis, como os xuristas interpretan as leis e como a sociedade responde ante iso, paréceme moi interesante". A súa conclusión: "habería que volvela a facer".
No tempo que dedica ao podcast 'Cara a cara' miramos aos seus inicios profesionais, máis atrás mesmo, "eu desde que tiña seis anos quería arranxar o mundo e ser escritora", apunta, aínda que seguidamente tamén engade: "no fondo gustaríame ter sido compositora, pero nunca estudei música. Iso ou unha tenista que gaña todo o que se move no circuíto".
Na práctica foi a súa formación académica bilingüe a que lle abriu estas portas. "Foi o que me introduciu un pouco no mundo do cinema, traballando como intérprete da figurinista en 'El fabuloso mundo del circo', aí con John Wayne, Rita Hayworth e toda esta xente", lembra.
Aínda que non se considera unha pioneira, porque nas súas palabras "pioneiras son a xente que empeza nas cousas e eu son unha pioneira de terceira ou cuarta xeración"; os feitos pasados sinalan que estivo entre quen promoveron a creación da Academia de Cine, a entidade DAMA sobre dereitos de autor no audiovisual e o sindicato de guionistas ALMA.
En relación á propiedade intelectual, os dereitos de autor, a protección dese exercicio creativo, levámoslle a mirar cara á intelixencia artificial. Lola Salvador argumenta en favor do seu traballo sen recorrer ás novas tecnoloxías, para concluír cunhas palabras de Guillermo del Toro: "a intelixencia artificial non me preocupa, preocúpame a estupidez natural".