PODCAST. 'El cuarto vértice' que ten nome de muller, artista e galega

Pontevedra
09 de decembro 2025

A novela 'El cuarto vértice' de Carlos Moreno Lugrís, ademais de estar á venda nas canles habituais, tamén está no Raíña Sofía, que ofrece unha mostra de Maruja Mallo

'El cuarto vértice' é a segunda novela do médico lucense Carlos Moreno Lugrís
'El cuarto vértice' é a segunda novela do médico lucense Carlos Moreno Lugrís / PontevedraViva

Unha gratísima sorpresa para concluír o amplo número de títulos literarios que pasaron polo podcast 'Cara a cara' este 2025. 'El cuarto vértice' é a segunda novela que publica Carlos Moreno Lugrís.

Moreno Lugrís é médico de profesión, lucense desde hai tres décadas, e neste título concita dúas afeccións, a escritura e a arte. Non é un autor de superventas, pero polo resultado desta obra, merecería selo.

'El cuarto vértice' ten como protagonistas nucleares a dúas mulleres. Coñécense en "un centro elegante, non un asilo" (como define un dos personaxes). Unha anciá, encamada desde hai anos, cunha existencia excepcional e unha moza de vida funesta.

Unha e outra van debullándose mutuamente as súas traxectorias vitais. No proceso de coñecemento destas, e entre estas mulleres, o público lector transita por boa parte do século XX español.

Nesa viaxe temporal, o autor plasma tamén outra forma de mirar a arte pictórica, aos homes e mulleres da cultura española e algunhas institucións de negro cuño como o Padroado de Protección á Muller.

Escribe conxugando ficción e realidade. Porque a elas corresponden a M.M nova e a M.M. anciá. A primeira Mariña Méndez, a segunda Maruja Mallo.

Si, o autor fai falar - e de que maneira -, á artista viveirense. Faio como resultado dunha pregunta: "como unha muller tan libre, que viviu por todas partes do mundo, como se tivo que sentir atada a unha cama".

E chegados a este punto, o título da novela xa ten outro significado no que entran Buñuel, Dalí e Lorca: "chameino así porque en realidade non era un triángulo. Sempre pensamos que era un triángulo de tres amigos. Era un cadrado con catro amigos e o cuarto vértice era Maruja".