O Concello de Poio celebrará o vindeiro 25 de xullo o acto institucional do Día de Galicia cunha homenaxe ás tres corais do municipio: o Coro Virxe da Renda, de Combarro; o Coro Virxe de Fátima, de Campelo; e a Coral de Poio, en recoñecemento á súa contribución á conservación e difusión da música coral e ao seu labor na dinamización da vida cultural e social do concello.
A celebración terá lugar ás 12.00 horas en San Martiño e será o terceiro ano consecutivo no que o goberno local distingue persoas e entidades locais vencelladas á cultura con motivo do Día de Galicia.
O alcalde, Ángel Moldes, destacou a importancia do tecido asociativo cultural do municipio e sinalou que este recoñecemento pretende poñer en valor "o traballo que realizan" en prol da tradición e da cultura galegas, así como toda a actividade que desenvolven "que enche de vida cada recuncho do noso municipio".
O acto manterá ademais a aposta do executivo local por descentralizar esta celebración e levala ás distintas parroquias. Despois de celebrarse en edicións anteriores no Pereiro, Liñares e na Praza de Arís, este ano terá como escenario San Martiño, coa intención de continuar esta itinerancia nas próximas edicións.
A programación incluirá tamén o reparto de bandeiras de Galicia e a entrega dun agasallo conmemorativo ás entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións durante o último ano: a Asociación de Mulleres Rurais Pedra Furada de Samieira, o Club de Fútbol Veteráns de Raxó e a Asociación Cultural, Gandeira e Deportiva Os Miradores.
O apartado musical correrá a cargo da agrupación Vides Novas e de Juan Mariño, director da Escola de Acordeóns de Campelo-Poio.
As persoas interesadas en recibir unha bandeira de Galicia poderán solicitala previamente chamando ao teléfono 986 770 001 ou enviando unha mensaxe ao WhatsApp 698 138 166.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.