A terceira noite de concertos nas Festas da Peregrina traía consigo a cita máis esperada especialmente polo público novo.
Con ese perfil conecta á perfección o artista Pol Granch, cantante e actor que deu o salto á fama tras vencer fai tras anos o programa televisivo Factor X e que desde entón non deixou de crecer, dando o salto á interpretación na popular serie Elite, de Netflix.
O fenómeno fan fixo súa a Praza de España, coas primeiras da fila facendo noite para coller o mellor sitio e con máis seguidores facendo cola durante a xornada. O resultado, un cheo absoluto e rotundo na zona acoutada habilitada para seguir o concerto pero tamén polo perímetro do recinto. Calquera sitio era bo para seguir o show.
Pol Granch presentou en Pontevedra o que é o seu primeiro traballo discográfico, titulado 'Tengo que Calmarme'.
Ademais da cita na Praza de España completaron a xornada de concertos o recital de Xisco Feijóo na Ferrería e o de Dani & Kimberley Tell nas pistas de Campolongo.
Para este martes 10 de agosto, a programación festiva conta co concerto de Nastasia Zürcher na Ferrería (21.00 horas), Ópera coa obra 'María Soliña' na Praza de España (22.00 horas) e o show de Recycled DJ no escenario de Campolongo (22.30 horas).