A archiconocida Festa da Troita de Ponte Caldelas chega este ano á súa edición número 52 e con motivo disto, o concello decidiu convocar unha serie de concursos relacionados con esta festividade, un de creación de carteis, un de fotografía relacionada coa celebración e un de redacción acerca da mesma, orientado aos máis novos. Na edición de 2017 presentáronse a concurso máis de 160 propostas e este ano o concello espera superar as 200 entre as tres categorías.
O concurso de carteis require que dentro das propostas presentadas inclúanse as lendas 'LII Festa da Troita' e 'Ponte Caldelas 2018', mentres que no de fotografía, aquelas presentadas ao concurso deben ter como temática a festa, o municipio e as súas xentes ou a sustentabilidade e estas non poderán ser editadas con programas de modificación gráfica. Dentro destas dúas categorías cada autor poderá presentar un máximo de 2 traballos. O concurso de redacción está destinado ao ámbito escolar e as súas temáticas deberán tratar sobre a tradición, as festas, paisaxes ou contos, ademais inclúense dúas categorías, unha entre 9 e 11 anos e outra entre 11 e 18.
O prazo de presentación dos traballos será entre o 1 e o 31 de marzo, e os premios serán de 400 euros para o gañador do concurso de carteis, 300, 200 e 100 euros respectivamente para as tres mellores fotografías e no concurso de redaccións publicarase no libro da ' Festa da Troita' a obra gañadora e o seu autor recibirá unha tableta electrónica como agasallo. Os traballos deberán ser entregados no Centro cultural de Ponte Caldelas ou ao profesor responsable no caso do concurso de redacción, e deberán ir nun sobre pechado sen datos persoais, que deberán ir noutro sobre á parte. Toda a infrmación poderá ser consultada na web do concello de Pontecaldelas.