Ponteatro 2015 pecha cun aumento do 60% nos espectadores

Pontevedra
19 de decembro 2015

O ciclo rematou este xoves coa representación de Waltz de Voadora. Puxo fin a tres meses de actividade durante os que se representaron oito espectáculos no Teatro Principal, o que supón 11 representacións sumando as obras para escolares. De media, houbo 273 espectadores por función

Ponteatro: 'Bobas & Galegas' de Mofa e Befa no Teatro Principal
Ponteatro: 'Bobas & Galegas' de Mofa e Befa no Teatro Principal / Diego Torrado

A edición 2015 do ciclo Ponteatro rematou este xoves coa representación de Waltz de Voadora. Puxo fin a tres meses de actividade durante os que se representaron oito espectáculos no Teatro Principal, o que supón 11 representacións sumando as obras para escolares. Rexistrouse un incremento do 60% no número de espectadores con respecto ao ano anterior, acadando unha media de 273 por función.

O Pazo da Cultura destaca a incorporación no programa dos 'Venres Golfos', que ofreceron obras de teatro ás 23.59 horas e congregou unha media de 134 espectadores por función. No caso dos habituais espectáculos dos xoves no Teatro Pricipal, a media de asistentes sitúase nos 304, que supuxo un 70% do aforo.

A comedia, o drama, o realismo máis cru ou as situacións máis incribles foron representados nos oito espectáculos da man de Teatro do Morcego, Ilmaquinario Teatro, Mofa e Befa, Teatro do Atlántico, Redrum Teatro, Voadora, Antón Coucheiro e Cinema Sticado. 

Ademais das representacións de tarde, houbo actividades pola mañá para centros escolares de toda a provincia e mesmo de concellos coruñeses, como é o caso de Noia. De Pontevedra chegaron dende municipios como Ponte Caldelas, Sanxenxo, Redondela,Vigo, Marín, Bueu ou Barro.

Por número de asistentes, Bobas e Galegas foi o que contou con máis público, seguido por Presidente e Perplexo.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, manifestou a súa satisfacción sobre os datos acadados, que garanten a permanencia deste ciclo e motivan que se continúe programando neste sentido.