Ponteatro pecha a tempada cun aforo medio de 240 espectadores por función

Pontevedra
21 de decembro 2013

O ciclo teatral 'Ponteatro. Os xóves bótalle teatro á vida', celebrou o xoves a súa derradeira representación, Curriculum Vitae cunhas "excelentes" cifras de asistencia ás sete obras que se representaron ao longo dos tres meses de outono. Con respecto aos anteriores, na tempada 2013 rexistrou un incremento de casi o 50 por cento na asistencia

Intervención nas estatuas de Pontevedra para promocionar a obra 'Anxeliños' de Vidal Bolaño
Intervención nas estatuas de Pontevedra para promocionar a obra 'Anxeliños' de Vidal Bolaño / PontevedraViva

O ciclo teatral 'Ponteatro. Os xóves bótalle teatro á vida', celebrou o xoves a súa derradeira representación, Curriculum Vitae cunhas "excelentes" cifras de asistencia ás sete obras que se representaron ao longo dos tres meses de outono.

A programación teatral de outono está consolidada hai anos, pero con respecto aos anteriores, na tempada 2013 rexistrou un incremento de casi o 50 por cento na asistencia, acadando un aforo medio de 240 asistentes por función. Un dato máis que positivo que anima á Concellaría de Cultura e ao Pazo da Cultura a manter este tipo de programación cara outras tempadas.

Dende a organización sinalan que o éxito pode atribuirse a un cartel que non pasou desapercibido, non só pola calidade e variedade dos seus espectáculos, senón polo chamativo e simpático deseño do mesmo, que convidaba a facer frente ao inverno chuvioso e "botarlle teatro á vida"; e a algúns cambios que favoreceron a participación: establecer os xoves como día fixo para as representacións creando un hábito no espectadores, celebrar  a maior parte das obras (5 de 7) no Teatro Principal, e a venda de abonos

Como ven sendo habitual, houbo tamén funcións concertadas con centros escolares, neste caso O método Grönholm, O home Almofada e Anxeliños, todas elas con índice de asistencia elevados por parte de centros do Concello de Pontevedra e outros próximos como Ponte Caldelas, O Grove e Poio.

As representacións que contaron con máis publico do ciclo foron Eurozone de Chévere no Pazo con preto de 400 asistentes, o que tendo en conta que o aforo é de 732 butacas, supón máis da metade e Curriculum Vitae no Teatro Principal, acadando os 250 dun aforo de 434.