Pontevedra, a musa dun novo obradoiro de creación literaria

Pontevedra
16 de febreiro 2017

O taller comezará o luns 20 de febreiro e durante 12 sesións explorarase a cidade como epicentro de creación literaria galega e ofreceranse ferramentas para fomentar a creatividade entre os seus asistentes. Das 25 prazas ofertadas, aínda quedan vacantes 5 que poden ser ocupadas de forma gratuíta

De esquerda a dereita: Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Leal y Elena Gallego Abad
De esquerda a dereita: Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Leal y Elena Gallego Abad / Mónica Patxot

Pontevedra será o tema principal do novo Obradoiro de Creación Literaria organizado pola Deputación en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).  A inciativa foi presentada a mañá do xoves 16 de febreiro a mans do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e da escritora Elena Gallego Abad.

Fomentar a creatividade, establecer pautas para desenvolvela e perfeccionar estas técnicas son tres dos obxectivos que se poñerán en marcha con axuda da escritora e xornalista Elena Gallego Abad, autora da saga xuvenil Dragal e a novela negra Sete Caveiras. "Moitísima xente ten historias en caixóns porque non se atreven a escribir ou porque non atopan a fórmula para sacalas ou porque non hai ninguen que lle dea esas receitas", concretou.

O taller utilizará a cidade de Pontevedra e a súa historia como musas, destacándoas como pezas fundamentais da literatura galega. Para iso, contarán con José Benito García Iglesias, divulgador da historia local pontevedresa e colaborador en PontevedraViva, que nunha clase maxistral proporcionará datos e curiosidades da cidade e os seus elementos. Para o presidente da AELG, Pontevedra "é unha dzs cidades máis literarias" que "provoca a creación", polo que supón unha gran oportunidade para utilizar a contorna do Lérez e crear "un mundo ao redor da propia obra".

O Obradoiro de Creación Literaria empezará o vindeiro luns 20 de febreiro e durante 12 sesións de dúas horas exploraranse as técnicas de creación dunha maneira dinámica e afastada das metodoloxías propias das aulas.

A inscrición é gratuíta e aqueles máis despistados aínda teñen a oportunidade de ocupar as 5 prazas que quedan. As obras resultantes serán mostradas a través da páxina www.aelg.gal e dende a Deputación estudarase a posibilidade de publicalas nun libro recompilatorio.