Pontevedra acollerá a estrea da obra teatral "O crédito", con Antonio Durán 'Morris' e Pedro Alonso

Pontevedra
10 de decembro 2014

A obra, producida por Eme2 e Tanttaka, subirá o pano por vez primeira no Teatro Principal durante tres días consecutivos, os días 5, 6 e 7 de febreiro. Así se anunciou esta fin de semana no marco do Culturgal

Presentación da obra "O crédito" en Culturgal
Presentación da obra "O crédito" en Culturgal

Tras doce meses en cartel en Barcelona e Madrid, a comedia O crédito chega a Galicia. Faino con dous populares actores como protagonistas, Antonio Durán ⿿Morris⿿ e Pedro Alonso. E cunha estrea que terá lugar en Pontevedra. A obra, producida por Eme2 e Tanttaka, subirá o pano por vez primeira no Teatro Principal durante tres días consecutivos, os días 5, 6 e 7 de febreiro. Así se anunciou esta fin de semana no marco do Culturgal.

Unha oficina bancaria e dous homes: o director da entidade (⿿Morris⿿) e un cliente (Pedro Alonso, Padre Casares). O último pide un crédito, porque o necesita. E o primeiro non llo dá, porque non pode darllo. Ao cliente non parecen quedarlle moitas opcións, pero garda un as na manga e non dubida en empregalo. Así arrinca a comedia escrita polo catalán Jordi Galceran, autor de El método Grönholm e Paraules encadenades, e que dirixirá Fernando Bernués.

A obra é, en palabras do crítico Sergi Doria, "unha orixinal comedia sobre cómo conseguir un préstamo cando os bancos pechan a billa aos particulares". 

De feito, O crédito presentouse no Culturgal cos seus dous actores asinando ducias de créditos, unha peculiar performance bancaria coa que arrincou a produción desta última montaxe teatral de Eme2 e Tanttaka.

Tras a súa estrea no Teatro Principal de Pontevedra, O crédito percorrerá os teatros das principais vilas e cidades con máis de 25 representacións xa confirmadas, entre elas Arteixo, Compostela, Vigo, Viveiro, Lugo, Narón, Tui, Carballo, Vilagarcía, As Pontes, Oleiros, Ourense, Cangas e, pechando a xira a finais de abril, A Coruña.