Pontevedra acollerá unha escolma das 300 obras da colección de arte do Parlamento de Galicia

Pontevedra
30 de maio 2022

A mostra, temporal e itinerante, percorrerá seis cidades e as principais vilas galegas, ademais de Madrid, sen descartar outros puntos do exterior con elevada presenza galega. Será comisariada pola Real Academia Galega de Belas Artes

Presentación da exposición itinerante 'Comparte'
Presentación da exposición itinerante 'Comparte' /

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e mailo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta, Román Rodríguez, asinaron este luns un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha exposición temporal e itinerante que, baixo o título 'Comparte', amosará unha escolma de pezas da colección de arte da Cámara autonómica.

A mostra será comisariada pola Real Academia Galega de Belas Artes, que asesora ao Parlamento en aspectos relacionados coa propia colección de arte. A selección das obras participantes na exposición efectuarase seguindo criterios museolóxicos, tendo en conta as características dos diferentes espazos expositivos, que serán propostos pola Consellería de Cultura.

Inicialmente está previsto que esta mostra itinerante percorra as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, así como outras localidades galegas a determinar, priorizando os criterios de poboación.

A mostra tamén visitará Madrid, ao tempo que se contempla a posibilidade de achegala a algunhas cidades do exterior; neste caso terase en conta a presenza galega e o potencial desta mostra para a proxección exterior da Comunidade e dos artistas galegos contemporáneos.

A iniciativa enmárcase na estratexia de apertura á sociedade galega que o Lexislativo galego está a impulsar desde hai tempo, nalgún caso tamén en colaboración coa Consellería de Educación, como o programa 'Coñece as túas institucións', consistente na organización de visitas conxuntas do estudantado galego ás sedes da Xunta e do Parlamento.

A colección de arte do Parlamento de Galicia está integrada por máis de 300 obras: pintura e escultura, fundamentalmente, aínda que conta tamén con fotografías, documentos, vidreiras e medallas. Trátase de obras do século XX e de comezos do XXI que nuns casos son propiedade da Cámara e noutros están cedidas en depósito.