Pontevedra, capital da música en galego co Galegote Rock

Pontevedra
30 de maio 2021

Desde a tarde do venres, e durante toda a fin de semana, os acordes enchen a contorna da Alameda da man do Galegote Rock, un festival que o ano pasado tivo que suspenderse pola pandemia da covid-19 e que agora retornou con máis ganas ca nunca e marcado polas restricións

Actuacións do Galegote Rock na mañá do domingo
Actuacións do Galegote Rock na mañá do domingo

Pontevedra volve ser a capital da música en galego. Desde a tarde do venres, e durante toda a fin de semana, os acordes enchen a contorna da Alameda da man do Galegote Rock, un festival que o ano pasado tivo que suspenderse pola pandemia da covid-19 e que agora retornou con máis ganas ca nunca e marcado polas restricións.

Público sentado, rexistro de asistencia obrigatorio, máscara e distancia de seguridade marcan a edición 2021, na que se recuperou boa parte do cartel que tivera que adiarse en 2020.

O mellor do panorama musical en galego inunda desde a tarde do venres dous escenarios, o Palco da Música da Alameda e as inmediacións das escaleiras das Palmeiras, no coñecido como paseo Rosalía de Castro

Tras a sesión inaugural do venres, este sábado o público puido gozar da música de Arturo Delgado, Peña, Zeltia Irevire, Noiteaka + 2Pasos, O Cadelo Lunático e Lume.

Este domingo 30 de maio a xornada comezou ás 13.00 horas co concerto de Pauliña no palco da Alameda e A Rabela nas escaleiras das Palmeiras e seguirá pola tarde cun dos pratos fortes da actividade, Los Rastreadores, ademais das propostas innovadoras de Laura Lamontagne & Pico Amperio e a actuación de Desjobernaos.

  • 19:30 horas. Escaleiras das Palmeiras: Desjobernaos
  • 20:30 horas. Palco da Alameda: Los Rastreadores
  • 22:00 horas. Escaleiras das Palmeiras: Laura Lamontagne & Pico Amperio