Pontevedra convértese, por primeira vez, en escenario dunha curta musical

Pontevedra
08 de marzo 2016

As rúas de Pontevedra vanse encher proximamente de cámaras e moita música, converténdose así no escenario, por primeira vez, dunha curtametraxe musical: Superpunky. O vindeiro venres 11 de marzo realizarase o casting na procura de actores e figurantes

Anabel Gulías, Pablo Cacheda y Andrés Gozado na presentación de Superpunky
Anabel Gulías, Pablo Cacheda y Andrés Gozado na presentación de Superpunky / PontevedraViva
Pablo Cacheda cree nas posibilidades cinematográficas da cidade /

Prepáranse cámaras, micros e luces que nas vindeiras datas ateigarán a cidade do Lérez cunha nova produción cinematográfica e, por primeira vez, musical: Superpunky, unha curtametraxe que terá como escenario as rúas de Pontevedra, e que conta as vivencias de dúas amigas que van cambiando dende o ano 2003 ata 2016.  

Baixo a dirección de Pablo Cacheda, director e guionista de 'Clases de lo social' unha webserie tamén gravada en Pontevedra, xorde esta parodia dentro do xénero musical da que é guionista Diana López. Nela poderanse apreciar secuencias que remitirán a películas coñecidas como 'Los Miserables' ou 'Grease', entre outras. 'Priscila' y 'Monoulious DOP' porán o toque musical con composicións propias e algunhas orixinais para a propia curta. 

Un dos obxectivos que se pretende conseguir con este proxecto é involucrar aos veciños da cidade para participar na propia curta que se emitirá a través da internet.

Por iso, o vindeiro venres 11 de marzo realizarase un casting na procura de actrices e figurantes, rapazas fundamentalmente de entre 12 e 16 anos. Para participar, os interesados poden inscribirse a través do correo electrónico [email protected], ou presentarse o propio día do casting, que terá lugar na Casa da Luz en horario de mañá, de 10.00 a 14.00, e de tarde, de 16.30 a 19.00.

Cacheda explicou durante a presentación na Casa da Luz deste martes 8, que se trata dun proxecto no que levan traballando xa un ano, e que se converteu nun reto persoal. Estivo acompañado da concelleira de Promoción, Anabel Gulías, e o produtor, Andrés Rozados; ambos eloxiaron as oportunidades cinematográficas da cidade e a implicación dos pontevedreses neste tipo de proxectos.