Ata o próximo 6 de novembro terán de prazo os autores e autoras que queiran presentar os seus traballos literarios á segunda edición do Premio Pinto e Maragota, convocado polo Concello de Pontevedra e a Editorial Xerais, en materia de diversidade sexual e de xénero.
A este concurso poderán concorrer persoas de calquera nacionalidade e maiores de idade, que presente unha obra escrita en lingua galega. Concederase un único premio de 3.000 euros.
O xénero literario das obras presentadas poderá ser novela, teatro ou poesía para o público infantil, xuvenil e adulto. Cada participante poderá presentar cantas obras queira en envíos separados, pero deberán ser traballos orixinais e inéditos.
O contido mínimo de caracteres para as novelas ou obras dramáticas será de 90.000 caracteres con espazos, mentres que a poesía conterá un mínimo de 500 versos de forma libre.
As persoas participantes enviarán os traballos en formato pdf por correo electrónico, co asunto 'Para o II Premio Literario PINTO E MARAGOTA”, ao enderezo [email protected],
O xurado reunirase para decidir cal é a obra premiada antes do 30 de novembro.
A obra premiada será publicada por Edicións Xerais, que asinará coa autora ou autor un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual.
A primeira convocatoria do Premio Pinto e Maragota tivo como gañadora á escritora María Reimóndez, coa súa obra Cobiza.