Esta fin de semana, o Río Verbena Fest dará inicio á súa terceira edición, as beiras do río Lérez.
O evento foi presentado este mércores nun acto no que interviñeron os directores do festival Kin Martínez (Esmerarte) e Marta González (La Gramola), Ramón de Meer, director de Mercadotecnia para España e Portugal de Hijos de Rivera; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación; Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Galega de Turismo e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.

A organización ultima os preparativos dun festival que, segundo coincidiron todos, está "plenamente consolidado" como "unha referencia" no mapa musical do país.
Segundo destacaron Kin Martínez e Marta González, ao impulsar este festival "tamén estamos a traballar nun proxecto de cidade" ofrecendo un evento que é complementario a outras ofertas musicais que hai en Galicia "e non está fácil porque, a verdade, é que tampouco hai tantos artistas para tantos festivais" de aí a complicación ao configurar un cartel "que sexa o máis exclusivo posible", sinalaron.
Aínda quedan algunhas entradas á venda para gozar dunha programación pensada ao detalle e que reunirá 19 artistas en dous días consecutivos de música en directo con propostas emerxentes e unha mestura de estilos que abarcan desde o indie, pop, rock e até rap.
O venres 22 de agosto abrirá o festival cunha xornada que reunirá a algunhas das voces máis recoñecidas do país. Loquillo, Xoel López e Coque Malla lideran un cartel que se completa coas actuacións de Andrés Suárez, Efecto Pasillor, Orzán, Terapia de Grupo e Guateque Big Band, combinando o pulso da escena nacional con propostas emerxentes.
A música continuará o sábado 23 cun segundo día de programación encabezado por Álvaro de Luna, Nil Moliner, Carlos Sadness e YSY A. A xornada do sábado incluirá ademais a Malmö 040, Carla Lourdes, Taïn, Mamasución, Javier Lago e Sergio O Indio DJ, nun cartel que reúne diferentes estilos e xeracións nun mesmo espazo.
Marta González lembrou que "como aperitivo ao festival" desde este mércores 20 e até o sábado 23 de agosto, terán lugar as xa consolidadas 'Sesións Verbeneiras' na Praza Méndez Núñez. Serán tres xornadas de concertos gratuítos con protagonismo para os músicos locais.
Hoxe abrirán a programación Cora e Rukan Blues; o xoves será a quenda de Adrián Torres e Desconcerto, e o sábado, e durante todo o día, a Charanga Alambique estará a encher de música o corazón da cidade e animando o ambiente para recibir a última xornada do festival.
Kin Martínez tamén puxo en valor o movemento económico que xeran este tipo de eventos tanto de maneira directa como noutros sectores alleos á industria de música que ven beneficiados de forma transversal.
Pola súa banda, Ramón de Mer destacou como un acerto que "a combinación da iniciativa pública e privada, cando funciona, nótase moito" e si a isto súmaselle unha localización "extraordinaria" hai unha garantía de éxito.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra anunciou que a Bienal de Arte tamén estará presente no Río Verbena para difundir entre os festivaleros esta cita cultural coa arte contemporánea.
Pola súa banda, Xosé Manuel Merelles lembrou que o Río Verbena Fest forma parte dos Concertos do Xacobeo, un programa "amplo e plural" impulsado por Turismo de Galicia, que abarca máis de 150 festivais, ciclos e concertos en 70 localidades, coa participación de máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos.
Esta iniciativa da Xunta busca apoiar as principais citas musicais de Galicia e ofrecer unha "experiencia cultural diversa para todos os públicos".
Por último, o alcalde de Pontevedra lembrou que as máis de 300 actividades impulsadas polo Concello ao longo de xullo e agosto "maioritariamente son actividades gratuítas" e cre que "estamos a conseguir un equilibrio" coas iniciativas de pago que amplían a oferta de lecer e cultura na Boa Vila.
Agalega.gal achega catro concertos destacados do Río Verbena de Pontevedra. A plataforma dixital da Corporación retransmitirá de balde, entre o venres e o sábado, os recitais de Coque Malla, Xoel López, Nil Moliner e Carla Lourdes.