O Museo Arqueolóxico Nacional, situado en Madrid, acolle desde este mércores a exposición Galaicos. Un pobo entre dous mundos, unha mostra impulsada pola Deputación de Pontevedra que busca poñer en valor, de forma didáctica e explicativa, a importancia e sofisticación da cultura galaica como un dos puntos estratéxicos da prehistoria e historia antiga.
A exposición foi inaugurada polo ministro de Cultura, José Guirao, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que estiveron acompañados polo director xeral de Belas Artes, Román Fernández-Baca; o director do Museo Arqueolóxico Nacional, Andrés Carretero; ou os alcaldes de Cuntis, Silleda, Vilagarcía ou A Guarda.
Ata o próximo mes de febreiro, os visitantes comprobarán o carácter que tivo a provincia de Pontevedra como bisagra entre o mundo mediterráneo e o atlántico e que converteu aos galaicos nunha das arquitecturas da Idade de Ferro máis espectaculares e mellor conservadas da Península Ibérica.
Os comisarios da mostra, Rafael Rodríguez e Antoni Nicolau, configuraron a exposición a modo de viaxe, iniciándose a través dun audiovisual que establece a conexión entre a cultura atlántica y a mediterránea ao longo da prehistoria e historia antiga.
O espazo expositivo artéllase arredor de cinco ámbitos cronolóxicos: Campesiños e guerreiros. Idade do Bronce Final (1.500 -800 a.C.); Poboados fortificados da primeira Idade do Ferro (800-400 a.C.); O Atlántico ábrese ao Mediterráneo (400 -19 a.C.); Na esfera de Roma: Gallaecia (séculos I-III) e a provincia de Gallaecia (finais do século IV-século VI).
Ao longo do percorrido, é posible ver 65 obxectos arqueolóxicos, réplicas, imaxes e fotografías, así como 21 ilustracións, textos e recursos audiovisuais. En concreto, hai dous audiovisuais, sete proxeccións asociadas a obxectos do mundo atlántico e mediterráneo que aparecen en xacementos galaicos, así como 24 vitrinas que ocupan 210 metros cadrados de exposición.
Galaicos. Un pobo entre dous mundos presenta pezas inéditas das intervencións arqueolóxicas nas que está traballando a Deputación en colaboración co Ministerio de Fomento e outras que nunca saíran dos museos galegos, entre eles o de Pontevedra.
A Deputación de Pontevedra concibiu a exposición de forma itinerante de tal modo que, desde Madrid, o punto de partida, viaxará ata o Mediterráneo, concretamente a Valencia, e tamén ata o sur, a Xaén, para regresar finalmente ao Museo de Pontevedra.
CARMELA SILVA, EMOCIONADA
A presidenta da Deputación, que amosou sentirse "profundamente emocionada", destacou que coa mostra "todos poderán descubrir que eramos unha sociedade aberta e moi creativa, e cunha posición privilexiada, a catro días de navegación de Cádiz e de Cardiff, que nos situaba no centro do intercambio comercial e cultural da prehistoria e historia antiga".
Durante a rolda de prensa de presentación da exposición Carmela Silva informou que, segundo establecen cronistas das campañas romanas, Galicia era entón coñecida como unha sociedade matriarcal e democrática e, en contra dos tópicos, non eran un pobo pouco desenvolvido.
Sen embargo, "pouco se dixo da nosa posición estratéxica como punto de entrada de mercadorías, costumes e ideas, como lugar de confluencia entre o mundo Atlántico e o Mediterráneo", indicou a presidenta. Precisamente isto, tal e como asegurou Silva, é o que pretende esclarecer Galaicos. Un pobo entre dous mundos.
Pola súa banda, o director xeral de Belas Artes, Román Fernández-Baca, enxalzou que a exposición "é algo máis que unha mostra de obxectos, é unha mostra de fecundidade cultural, de paisaxes, de patrimonio e emocións, na que as persoas son protagonistas".
Tamén subliñou o valor da exposición para poñer de manifesto a interconexión cultural entre o Mediterráneo e o Atlántico, "que traspasou a barreira do tempo ata facerse presente hoxe con Galaicos, unha excelente oportunidade para compartir o que nos une e admirar e recoñecer o que nos diferenza".