Pontevedra recibe a México, o primeiro país convidado do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Pontevedra
05 de abril 2018

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Cultura Carmen Fouces recibían este xoves 5 de abril a representantes culturais do primeiro país convidado do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que celebra a súa edición XIX

De esquerda a dereita, Alin Escoto, Miguel Anxo Fernández Lores, Susana Pliego e Carmen Fouces
De esquerda a dereita, Alin Escoto, Miguel Anxo Fernández Lores, Susana Pliego e Carmen Fouces / Gabriela Varela Asorey

España e México se unen da man da cidade de Pontevedra grazas á celebración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que nesta edición número 19 conta por primeira vez cun país invitado, un xesto que ten como obxectivo achegar ás nacións mediante a literatura.

Os representantes mexicanos foron recibidos polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e pola concelleira Carmen Fouces este xoves 5 de abril e permanecerán na cidade ata o día 13 deste mesmo mes.

Os mexicanos colaborarán con algunhas das actividades que terán lugar no salón, impartindo charlas e relatorios, ademais doutras actividades relacionadas coa cultura deste país, como unha cea tradicional elaborada polo chef Rómulo o vindeiro venres 6 de abril.

O Salón do Libro é unha oportunidade para suscitar curiosidade por México, segundo comentaba a doutora Susana Prego, unha das invitadas.

Os invitados son na súa gran maioría mulleres, en concordancia co tema escollido para esta edición, "Mulleres de conto". Entre as personalidades destacan Susana Prego, directora xeral de Cooperación Educativa e Cultural mexicana; e Alin Escoto, encargada da Feira Internacional do Libro Cidade de México, da cal Madrid foi cidade convidada na edición de 2017.

Contan tamén con tres escritoras, dúas moderadoras de lectura e tres ilustradoras, como Cecilia Rébora, embaixadora de literatura xuvenil da Feira do Libro.

O Salón Internacional do Libro dedica a edición deste 2018 a todas as mulleres que conforman o mundo da literatura infantil e xuvenil, desde autoras ata personaxes, pasando por profesoras e bibliotecarias. A inauguración terá lugar o venres 6 de abril e estará na cidade ata o día 29 de abril.