Pontevedra renderá homenaxe a Sabino Torres coa presentación da revista Olga, o seu último proxecto editorial

Pontevedra
27 de xullo 2016

Tras unha primeira presentación en Madrid, este sábado Olga presentarase en Pontevedra coa presenza dos seus tres impulsores,  Vicente Araguas, Rafael Yáñez e Manuel Pereira; de Ana Acuña, profesora da Universidade de Vigo e máxima coñecedora da obra de Sabino; e do concelleiro de Cultura en Pontevedra, Luís Bará. A filla e a neta do falecido, María Torres e Laura Mundo Torres, tamén participarán

Ana Acuña, Luis Bará e Manuel Pereira presentarán a revista Olga na Casa das Campás
Ana Acuña, Luis Bará e Manuel Pereira presentarán a revista Olga na Casa das Campás / PontevedraViva

O último proxecto literario do editor, xornalista e membro da Real Academia Galega (RAG) Sabino Torres será este sábado 30 de xullo o pretexto para renderlle homenaxe na súa cidade dous meses despois da súa morte. Con motivo da presentación en Pontevedra do primeiro número de Olga, a Revista de poesía galega en Madrid, organizarase na Casa das Campás unha homenaxe ao desaparecido escritor. 

Olga é unha revista que naceu ao fío do faladoiro literario do Grupo Bilbao na que participaba Sabino Torres no Café Comercial de Madrid. No último encontro do mesmo, celebrado o 27 de xullo de 2015, xusto antes do peche do famoso café, o editor pontevedrés propuxo a publicación dunha revista de poesía con textos de poetas galegos participantes nese faladoiro. O proxecto chegou a bo porto, pero el tivo que desvincularse porque se cruzou unha grave enfermidade. Finalmente, tres semanas antes da súa morte, puido ver o primeiro número impreso, pero xa non chegou a participar na presentación oficial en Madrid. 

Tras unha primeira presentación en Madrid, este sábado Olga presentarase en Pontevedra coa presenza dos seus tres impulsores,  Vicente Araguas, Rafael Yáñez e Manuel Pereira; de Ana Acuña, profesora da Universidade de Vigo e máxima coñecedora da obra de Sabino; e do concelleiro de Cultura en Pontevedra, Luís Bará. A filla e a neta do falecido, María Torres e Laura Mundo Torres, tamén participarán. 

Un adianto desa presentación viviuse este mércores no Concello de Pontevedra da man de Luís Bará, Ana Acuña e Manuel Pereira. Ambos destacaron que o acto previsto para as 20.30 horas do sábado 30 será unha homenaxe obrigada a Sabino Torres e unha forma de coidar o seu legado e dalo a coñecer. 

Olga terá dous números ao ano, pero, ata o momento, tan só está publicado o primeiro. Nel inclúense dous poemas de Sabino Torres que forman parte de Noites con Violeta, a súa obra inédita que aínda non viu a luz. Este primeiro número poderá adquirirse xa a 8 euros e haberá opción de facer subscricións. 

No acto en Pontevedra tamén servirá para resolver unha incógnita que aínda segue no aire sobre o nome da revista, Olga. Os organizadores do acto emprazan ao sábado toda resposta sobre o motivo polo que se bautizou con este nome propio.